Cluster Audiovisual Galego

Noticias del Clúster

A película "Cuñados", ‘a gran comedia galega’, finaliza a súa rodaxe en Ourense

A produtora socia do Clúster Portocabo ramatou a rodaxe de "Cuñados", que se levou a cabo durante as últimas semanas en distintas localizacións da provincia de Ourense. Esta comedia familiar, que xira arredor das peripecias criminais de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado, está protagonizada por tres grandes actores cómicos galegos: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira Fede Pérez, acompañados, entre outros, polas actrices Eva FernándezIolanda MuíñosMaría Vázquez Mela Casal.

O produtor executivo e director de Portocabo, Alfonso Blanco, quixo destacar a colaboración de todas as entidades que participaron neseta rodaxe, así como a implicación de todo o equipo e provedores, e agradece aos veciños e veciñas de Ourense “o gran trato recibido nos distintos lugares onde se filmou "Cuñados"”. Paisaxes da comarca do Ribeiro e de Allariz, xunto a San Cibrao das Viñas e a propia cidade das Burgas foron os escenarios desta longametraxe ambientada no mundo das bodegas vinícolas ourensás.

"Cuñados" supón o salto á longametraxe de Toño López, quen, tras dirixir exitosas series como “Auga Seca”, “Luci” ou “Matalobos”, asume nesta ocasión a dirección desta gran comedia. Á fronte do resto do equipo técnico encóntranse grandes profesionais do audiovisual galego como Alfonso Blanco (produción executiva), Araceli Gonda (guión), Santi Jul (música), Ana Míguez (dirección de produción), Jaime Pérez (dirección de fotografía), Lu Rodríguez (montaxe), Andrea Pozo (dirección artística) e Saturna (vestiario).

"Cuñados", que se estreará en cines en 2021, forma parte do grupo de películas seleccionadas na segunda mesa de valoración de cine de RTVE para este ano e conta tamén con subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), coa participación da socia TVG e coa colaboración da Deputación de Ourense. A distribución correrá a cargo da socia Filmax, que tamén xestionará as vendas internacionais.

Este verán a produtora finalizou así mesmo a gravación da segunda tempada da multipremiada coprodución televisiva “Hierro” (Portocabo, Movistar+, Atlantique, ARTE) en Canarias, ao tempo que se encontra avanzando en varios proxectos en fase de desenvolvemento.

"La isla de las mentiras" presentarase no Festival de San Sebastián e estrearase en cines de Galicia o 2 de outubro

O vindeiro luns 21 de setembro presentarase "La isla de las mentiras", ópera prima da socia Paula Cons, na 68 edición do Festival de San Sebastián (SSIFF). A película poderá verse en Made in Spain, unha sección non competitiva que integra os títulos máis significativos do cine español deste ano. “La isla de las mentiras”, que xa pode verse en Filmin, chegará aos cines de Galicia o 2 de outubro.

O Festival de San Sebastián será o segundo festival de Clase A no que se poida ver "La isla de las mentiras" tras participar na sección oficial do Festival Internacional de Cine de Shanghái (SIFF).

"La isla de las mentiras" estreouse o pasado 24 de xullo en Filmin e foi o título máis visto na plataforma na súa primeira fin de semana de estrea e un dos tres máis vistos no mes de agosto.

A película está dirixida pola galega Paula Cons e protagonizada por Nerea Barros, Darío Grandinetti, Aitor Luna, Victoria Teijeiro e Ana Oca. A película está inspirada en feitos reais, concretamente no afundimento do buque “Santa Isabel” fronte ás costas da illa de Sálvora en 1921.

Sinopse

Inspirada en feitos reais. A madrugada do 2 de xaneiro de 1921, o buque Santa Isabel, con destino Bos Aires e 260 persoas a bordo, afunde fronte á escarpada e dura costa da illa de Sálvora, en Galicia. A falta de homes na illa tres mozas locais, María (Nerea Barros), Josefa (Victoria Teijeiro) e Cipriana (Ana Oca), deciden ir ao rescate salvando a 48 persoas, un acto heroico que pagarán moi caro. Tras estes feitos, un xornalista arxentino, León (Darío Grandinetti), acude a Sálvora para cubrir a nova do naufraxio. Pouco a pouco irá descubrindo que esa noite se produciron demasiadas casualidades na illa, chegando incluso a sospeitar que o naufraxio poido ter sido provocado. Mentres tanto, xa nada será igual. O naufraxio sacudirá e cambiará para sempre a vida da illa.

"La isla de las mentiras" é unha coprodución entre a produtora galega socia do Clúster Agallas Films, a vasca Historias del Tío Luis, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000. Conta coa participación de TVGRTVE e ETB, e co apoio de AGADICGoberno VascoICAAINCAA arxentino, ICA portugués, o Programa Ibermedia, Concello de Riveira e Deputación da Coruña. Da súa distribución nacional e internacional ocúpase a socia Filmax. 

45 dos 50 programas máis vistos este verán en Galicia foron da TVG

Neste verán, no período comprendido entre o 1 de xullo e o 10 de setembro, os contidos da TVG seguiron a gañar audiencia e superan as cotas acadadas en 2019. Un dos datos máis espectaculares é que no ránking dos 50 programas de maior audiencia, 45 foron emisións da TVG. O labor de servizo público da Televisión de Galicia durante esta pandemia ten o seu reflexo na fidelidade da xente. A  CRTVG trasladou a todos os galegos a actualidade máis relevante e mantivo en pé a súa oferta de entretemento en directo. 

Deste xeito, os informativos da Galega foron os máis seguidos, destacando a franxa do mediodía, entre as 13:30 e as 15:30 horas, con “Galicia noticias” e “Telexornal Mediodía”, e na que se acadou unha cota de luns a venres do 20,3% de audiencia, superando amplamente os competidores Antena 3, cun 15,1%; Tele5, cun 12,4%; La Sexta, cun 11,6%; La1, cun 4.1%; e Cuatro, cun 3,5%. 

Pero tamén hai que salientar a resposta á oferta de entretemento do prime time, que aumentou en 7 décimas respecto aos mesmos meses no ano pasado. Entre os mozos de 13 a 24 anos, a TVG é, dentro das canles xeneralistas, a máis vista, cunha cota media mensual do 8,4%.

O actor Celso Bugallo porá a súa voz na película de animación “Os Demonios do Meu Avó”

O actor galego Celso Bugallo, gañador dun premio GOYA pola súa actuación na película “Mar adentro” de Alejandro Amenábar, porá a súa voz a un dos personaxes da película de animación stop-motion “Os Demonios do Meu Avó” da socia Parrocha Studio. Será os días 15 e 16 de setembro en Lisboa.

“Os Demonios do Meu Avó” conta a historia de Rosa, unha muller na trintena que se rencontra coas súas orixes a través das cartas e enigmas que lle deixa o seu avó recentemente falecido, e que a irán guiando por un mundo poboado por criaturas fantásticas e animais silvestres.

Ademais de Celso Bugallo, tamén participan nas voces do filme importantes actores portugueses e os galegos Isabel Naveira ou Luis Iglesia.

Dirixida por Nuno Beato, a película é unha coprodución internacional na que están involucradas produtoras de Galicia (Parrocha Studio), País Vasco (Basque Films), Francia (Marmita Films) e Portugal (Sardinha em Lata).

Á fronte da produción en Galicia está o socio Xosé Zapata, promotor da firma ParrochaStudio situada no centro de Arteixo e que está adicada á fabricación de bonecos para películas stop-motion. Xosé Zapata é un recoñecido produtor con máis de vinte anos de experiencia no sector e que destaca pola súa participación en obras de animación como “Buñuel no laberinto das tartarugas”.

“Os Demonios do Meu Avó” conta coa participación de Televisión de Galicia e o apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia, así como do Ministerio de Cultura-ICAA de España, ICA-Portugal e do CNC de Francia.

O produtor galego Xosé Zapata, elixido membro da Comisión de Especialidade de Documental da Academia de Cine

O sábado 12 de setembro celebráronse eleccións para elixir aos novos membros das Comisións de Especialidade da Academia de Cine. O produtor galego socio do Clúster Xosé Zapata foi elixido como novo membro da Especialidade de Documental, xunto a Valèrie Delpierre (vogal) e Diego Mas Trelles. Xosé Zapata será tamén o primeiro substituto da vogal na Xunta Directiva da institución.

Renóvanse así a metade dos compoñentes da Xunta Directiva da Academia de Cine, formada por dous vogais por cada unha das quince especialidades, un presidente e dous vicepresidentes.

Xosé Zapata agradeceu a confianza dos seus compañeros e o apoio recibido nas votacións, e abriuse a calquera iniciativa que teña como obxecto “mellorar e facer entre todos que o cine documental sexa recoñecido e distribuído como se merece”.

O produtor galego tamén manifestou que traballará xunto aos sues compañeiros de especialidade para conseguir “un cine español máis forte e diverso”. 

O Clúster Audiovisual participará o día 17 nas Mesas de Diálogo sobre a automatización e a dixitalización que organizan o IGAPE e a USC

O xoves 17 de setembro, ás 16:30 horas, celebrarase de maneira virtual (a través da plataforma Zoom) unha das Mesas de Diálogo para analizar o impacto e as perspectivas da automatización e a dixitalización nos sectores económicos de Galicia que organizan o IGAPE e a USC e na que participará o Clúster Audiovisual Galego.  

Esta iniciativa enmárcase no estudo sobre as posibilidades de automatización nos sectores e subsectores económicos de Galicia considerando tamén o impacto da COVID-19, que está a realizar o IGAPE en colaboración coa USC no marco do Convenio para a Análise do Impacto da Automatización na Economía Galega.   

Entre os panelistas da Mesa do día 17 estarán o noso Presidente, Jorge Algora, e o Vicepresidente responsable de Contidos Dixitais, Manuel Meijide, xunto ao Presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo González, e Alberto Garnil por parte do Clúster da Comunicación de Galicia. Representantes do IGAPE e da USC moderarán a Mesa. 

Co obxectivo de analizar o grao de dixitalización e automatización do noso sector e as perspectivas de futuro, na Mesa abordaranse asuntos como a situación actual do audiovisual, o impacto da pandemia da COVID-19 e en que medida a dixitalización ou a automatización poden axudar á súa recuperación económica, o grao de dixitalización do sector, posibles dificultades e o impacto destes procesos no emprego, entre outros. 

Para asistir á sesión podedes rexistrarvos neste enlace.

AGAG incorpórase ao Clúster Audiovisual Galego como socio colaborador

A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) vén de incorporarse ao Clúster Audiovisual Galego como socio colaborador. Esta adhesión é froito do convenio de colaboración asinado entre ambas entidades co obxectivo de unir esforzos e estreitar as súas relacións, intercambiar coñecementos e realizar actividades destinadas á promoción e difusión do sector audiovisual e á posta en valor dos profesionais galegos. 

Así, esta colaboración xorde do interese común por parte de ambas entidades por realizar actividades que sirvan para promocionar e impulsar o traballo dos guionistas e do sector audiovisual galego en xeral. 

A incorporación de AGAG ao Clúster Audiovisual Galego como socio colaborador enmárcase na liña de actuación que vén desenvolvendo o Clúster nos últimos anos para lograr a cooperación e a integración de empresas e entidades pertencentes á cadea de valor do sector audiovisual e dos contidos dixitais, co obxectivo de mellorar a súa competitividade e de promocionar este sector. 

Sobre AGAG 

AGAG é unha asociación profesional sen ánimo de lucro fundada no ano 1997, que ten como obxectivo principal a defensa dos intereses dos guionistas do sector audiovisual en Galicia. 

Entre os seus fins principais está a representación, defensa e promoción dos intereses comúns dos seus afiliados no ámbito laboral, profesional, social, económico e cultural, así como dos intereses xerais da profesión fronte as administracións, institucións, empresas e outros colectivos de ámbito autonómico, estatal e internacional. 

Tamén están entre os cometidos de AGAG a difusión social e cultural da profesión de guionista e a súa tarefa, a organización de actividades formativas e culturais para os seus afiliados, o fomento da solidariedade dos seus membros promocionando e creando servizos comúns de natureza asistencial e a realización de accións axeitadas para conseguir melloras sociais e económicas para os afiliados.

Finaliza a rodaxe de “Ti primeiro”, unha novela visual de Melgo Cinema

A comezos deste mes de setembro finalizou a rodaxe entre A Coruña e Culleredo da novela visual romántica “Ti primeiro”, escrita e dirixida por Roberto Alvite, protagonizada por Iris Darriba máis el mesmo, e producida pola socia Melgo Cinema. Nela explórase a evolución dunha parella nova ao longo de varios anos, coa particularidade de facelo a través de fotografías e non vídeo.

Un novedoso formato sen precedentes en Galicia nin España a nivel profesional con imaxe real, e que conecta co mundo do videoxogo ao permitir escoller como continúa a historia. Tres episodios sobre o amor que estarán dispoñibles en múltiples linguas para dispositivos móbiles no 2021. Pódese atopar máis información do proxecto na súa web http://www.tiprimeiro.gal

Melgo Cinema é unha produtora de ficción con xene social con sede en A Coruña. Foi fundada no ano 2018 por Roberto Alvite e Javier Gálego. Ámbolos dous cren no potencial do medio audiovisual para integrar múltiples disciplinas en favor de visibilizar realidades do día a día. Logo de producir dúas curtametraxes, preparan tamén a súa primeira longametraxe, un drama sobre a infancia titulado “Estelas”, o cal conta coa participación da CRTVG.

O Festival de Televisión Vitoria-Gasteiz premia a “El último show”, serie producida por Zenit Televisión para Aragón TV

A serie “El último show”, producida pola socia Zenit Televisión a través da AIE El último Show para Aragón TV, con produción executiva de Zaza Ceballos, foi galardoada polo Festival de Televisión Vitoria-Gasteiz. A serie emítese en HBO e nas televisións autonómicas.

O prestixioso certame concederá a “El último show” un dos seus Premios FesTVal en recoñecemento a un traballo “impecable” e de “excelente factura” realizado desde unha televisión autonómica. Engade o Festival que esta serie propón “un xogo entre realidade e ficción que empatiza co espectador buscando a orixinalidade e cunha posta en escea sobresaínte”.

“El último show” foi creada por Álex Rodrigo, codirixida xunto a Carlos Val e protagonizada por Miguel Ángel Tirado.

O XII Festival de Televisión de Vitoria-Gasteiz, que se celebrará entre o 1 e o 5 de setembro, deu a coñecer os galardóns que recompensan aos programas e series máis destacados da tempada. As distincións, que levan o nome do certame vasco, entregaranse na Gala de Clausura que terá lugar no Pazo de Congresos Europa da capital alavesa o próximo 5 de setembro, a partir das 20.00 horas.

Xunto a “El último show”, o Festival de Televisión de Vitoria-Gasteiz decidiu distinguir tamén ao programa “Late Motiv Park” de Andreu Buenafuente, “Atresplayer Premium”, os programas “Aquí la Tierra”, de TVE e “Herri Txiki, infernu handi”, de ETB.

O Clúster Audiovisual celebrará o 10 de setembro o webinar “Como activar a túa empresa a través das axudas Re-acciona de Igape?”

O Clúster Audiovisual Galego, en colaboración cos axentes do programa DPI Estrategia e Consulting Empresarial Casares, celebrará o xoves 10 de setembro ás 9.30 horas, o Webinar “Como activar a túa empresa a través das axudas Re-accciona de Igape?” mediante o cal poderás coñecer en detalle o funcionamento deste programa e dos servizos de Re-acciona.

O Igape puxo en marcha un novo programa de axudas cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O programa Re-Acciona financia nun 80% servizos de consultoría a pemes galegas para axudarlles a mellorar a súa competitividade. É unha axuda que xa recibiron 1.095 empresas desde 2012.

Se estás interesado en asistir para saber como pode axudarche o programa Re-Acciona podes inscribirte ao webinar premendo aquí.

 

PROGRAMA

09:30-09:35 Introdución e presentación dos relatores

                    Jorge Algora, presidente do Clúster Audiovisual Galego

09:35-10:20 Presentación do programa Re-Acciona:

                    Isabel Álvarez de DPI Estrategia

                    Pablo Lago de Consulting Empresarial Casares

10:20-10:30 Como solicitar os servizos do Programa Re-acciona?

10:30-10:40 Preguntas e peche

Máis información