Cluster Audiovisual Galego

Misión empresarial inversa dos contidos dixitais 2019

Co obxectivo de apoiar a creación de proxectos innovadores e ao sector dos contidos dixitais en Galicia e de fomentar a súa internacionalización, o Clúster Audiovisual Galego celebrou o pasado venres, na Coruña, varios encontros de networking entre compañías do audiovisual galego e personalidades dos sectores da animación, da realidade virtual e dos vfx de recoñecido prestixio a nivel mundial. 

Os encontros profesionais tiveron lugar dentro dunha nova misión comercial inversa dos contidos dixitais do Clúster, nesta ocasión celebrada no marco da 18ª edición do Congreso Internacional Mundos Digitales, que congregou, do 11 ao 13 de xullo na Coruña, a máis dun milleiro de profesionais do sector da animación, dos efectos especiais e dos videoxogos. 

A iniciativa serviu para poñer en contacto a compañías galegas do audiovisual como Adivina Producciones, Filmax ou Ilux Visual Technologies coa delegación empresarial, compartir experiencias e encontrar puntos de encontro empresariais que desemboquen en novos proxectos. Por parte da delegación internacional participaron Ian Mackinnon, de Mackinnon&Saunders; Jerome Denjean, de Blur; Raúl Carbó, de In Efecto; Ali Hamdam, de Karlab; Guillermo Arambulo, de Sony Pictures Animation; Pedro Dominguez, de Nu Boyana Portugal; Julio del Rio, de MPC; Mauro Frau, de Treehouseninja; Frank Vedvik, de The Future Group; Mike Seymour, de  FXGuide; Jordi Barés, de Framestore; Jesús Garrido, de ILM, e Josep Antoni Ribas, de MPC. 

Esta acción, realizada dentro do Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, co apoio financeiro de Igape, Xunta de Galicia e UE, pon de manifesto, nunha ocasión máis, a decidida aposta que está a realizar o Clúster Audiovisual Galego polos contidos dixitais e por contribuír a que este sexa un sector máis forte e competitivo.