Cluster Audiovisual Galego

Xornada "Oportunidades do programa FIWARE"

Socios do Cluster Audiovisual Galego (Clag) e Clúster TIC Galicia  coñeceron este xoves, en Santiago, as oportunidades que ofrece o programa europeo FIWARE e as aceleradoras con convocatorias abertas en 2015, durante unha xornada organizada polos dous clústeres, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain).

 
O programa FIWARE Accelerate é un programa da Comisión Europea e un consorcio formado polas principais empresas TIC europeas, de financiamento directo de ideas de negocio para o desenvolvemento de aplicacións baseadas na plataforma FIWARE, e impulsar así a economía dixital. Estas axudas consisten nun total de 80 millóns de euros así como nun plan de acompañamento para o desenvolvemento dos proxectos, con entre 50.000 e 150.000 euros para cada empresa seleccionada. Establecéronse 16 aceleradoras encargadas de distribuír o financiamento e ofrecer o programa de apoio.
 
A xornada “Oportunidades do programa FIWARE” tivo como obxectivos principais presentar a liña europea de financiamento FIWARE Accelerate e informar sobre catro aceleradoras con convocatorias abertas no ano 2015: INCENSe, IMPACT, SOUL-FI e CreatiFI.
 
De especial interese para o sector audiovisual é a aceleradora CreatiFI, baseada no desenvolvemento comercial e a aceleración dos produtos e servizos que utilizan tecnoloxías FIWARE. CreatiFI abrirá a súa segunda convocatoria o vindeiro día 1 de agosto ata o 30 de setembro, e está prevista para as propostas de servizos innovadores e aplicacións cun impacto no negocio de alta nas industrias creativas.
 
Durante a sesión, os asistentes tamén tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a experiencia da empresa galega Enxine, que obtivo financiamento dunha das aceleradoras. Ademais, a Axencia Galega de Innovación presentoulles o seu servizo de asesoramento para proxectos interesados en presentarse a algunha das convocatorias das aceleradoras que integran FIWARE.
 

Podes obter máis información sobre os sectores e as 16 aceleradoras que integran FIWARE aquí.