Cluster Audiovisual Galego

I Edición do Pitching TFG coas Universidades galegas

I edición do Pitching TFG (Traballos Fin de Grao), organizada polo Clúster Audiovisual Galego en colaboración coas Universidades de Vigo e da Coruña, acolleu o pasado venres, día 15, en Santiago, a presentación de 13 proxectos audiovisuais de alumnos destas dúas Universidades diante de profesionais do sector galego. Durante a xornada, os alumnos tiveron a oportunidade de testar os seus traballos con empresas socias do Clúster, e puideron coñecer as valoracións dos produtores respecto dos proxectos.
 
O Pitching TFG, que celebrou a súa primeira edición na Cidade da Cultura de Galicia, busca poñer en valor o novo talento audiovisual e conectalo co tecido empresarial galego. Este ano as entidades académicas seleccionaron un total de 13 Traballos Fin de Grao de alumnos de Comunicación Audiovisual das Universidades de Vigo e da Coruña e do Máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Facultade de Belas Artes da universidade viguesa para seren presentados ante profesionais do audiovisual mediante a técnica de pitching. Os proxectos seleccionados están en diferentes fases de desenvolvemento e inclúen tres series de televisión, tres videoxogos, dúas longametraxes, dúas curtas, un documental, unha mediametraxe e unha app.
 
Os proxectos da Universidade de Vigo presentados o pasado venres foron “What lies beneath the sea”, de María Comesaña e Pablo Dapena; “Luscofusco”, de Jonatán Toucedeo e Brais Sousa; “Safe Eat App”, de Raquel Cacabelos e Laura González; “Amar en tiempos de Tinder”, de Sara Varela; “Don’t Fade”, de Laura Cao; “Asmodeo”, de Xián Xacobe, e “Leni Krabby”, de Raquel Ramos.
 
Por parte da Universidade da Coruña expuxéronse os seguintes proxectos: “Rakonto”, de Paula Méndez e Laura Movilla; “Camilo: o último guerrilleiro de Galicia”, de Alba Sánchez, Juan Sebastián Pirola, Pedro Iglesias e Miguel García; “As Chiaventuras”, de Cristina García e Beatriz Pombo; “Hope Motel”, de Clara Fernández, Sara Portabales, Nuria Rey e Alicia Santos; “El color del miedo”, de Carlota Domínguez, Bernardo Loira, Clara López e Pedro Vigier, e “Villa Pelusa”, de Andrea Castro, Rebeca Domínguez e Javier González.    
 
Os responsables destes proxectos contaron con 15 minutos para intentar captar o interese do auditorio, conformado por responsables dalgunhas das produtoras máis destacadas do sector audiovisual galego, entre os que estaban Jorge Algora (Adivina Producciones), Juan de Dios Serrano (Agallas Films), Raquel Martínez (Congo Producciones), Julio Casal (Ficción Producciones),  Jesús Vecino (Filmax), e Montse Besada (Televisión de Galicia).
 
Así mesmo, tralas presentacións, as empresas votaron a aqueles proxectos que consideraron que tiñan unha maior viabilidade no mercado. Os títulos máis votados foron: en primeiro lugar “Villa Pelusa”, en segundo lugar “Leni Krabby” e en terceiro lugar, co mesmo número de votos, “What lies beneath the sea”, “El color del miedo”, “Amar en tiempos de Tinder” e “Safe Eat App”.
 
Para rematar esta primeira edición do Pitching TFG, na que o Clúster contou co apoio da Xunta de Galicia a través do Igape, celebrouse un encontro de networking durante o cal os creadores tiveron a ocasión de establecer os primeiros contactos coa industria galega e puideron conversar cos produtores.