Cluster Audiovisual Galego

Coloquio ICAA - Produtores do sector audiovisual de Galicia

A Cidade da Cultura acolleu, en Santiago, unha nova edición dos “Coloquios Clúster” organizados polo Clúster Audiovisual Galego entre representantes do Instituto de la Ciencias y las Artes Cinematográficas (ICAA) e o sector audiovisual de Galicia. 

A xornada contou co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e co colaboración do ICAA, AGADIC e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI).

A apertura da sesión, celebrada na Cidade da Cultura, correu a cargo do presidente do Clúster Audiovisual Galego, Jorge Algora, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A esta nova edición dos “Coloquios Clúster” asistiron profesionais do sector en Galicia os cales tiveron a oportunidade de manifestar a súa opinión sobre o actual sistema de axudas do ICAA ao cine español.

En representación do ICAA participaron na sesión a subdirectora xeral de Fomento da Industria Cinematográfica e Audiovisual, María Maldonado, e a subdirectora xeral de Promoción e Relacións Internacionais, Guadalupe Melgosa. Ambas directivas explicaron en que fase se encontran e algúns detalles das liñas de axudas convocadas polo organismo ata a data, e abordaron diversos aspectos das convocatorias que son susceptibles de modificación atendendo ás reclamacións do sector.

Durante a súa intervención María Maldonado avanzou que “antes de que remate o mes de xullo se resolverán as axudas xerais para a produción de longametraxes sobre proxecto”, ás que concorreron 53 obras, e cuxo prazo para a subsanación das solicitudes está aberto. En relación a esta liña de axudas, a representante do ICAA dixo tamén que, trala desaparición das axudas á amortización no ano 2019, a dotación orzamentaria da mesma podería chegar a ser “duns 45 millóns de euros” a partir dese exercicio.

Así mesmo, María Maldonado recoñeceu que “hai algúns aspectos da convocatoria que poderían ter que ser modificados” e manifestou a disposición do seu departamento de facer todo o posible para que así sexa. Neste sentido, avanzou que desde o ICAA “se está estudando a posibilidade de modificar os requisitos para encaixar aqueles proxectos que non teñen cabida nin nesta convocatoria nin tampouco na de proxectos selectivos.

Pola súa parte, Guadalupe Melgosa tratou diferentes aspectos sobre as liñas de axudas á distribución e á organización de festivais e certames cinematográficos en España, cuxa convocatoria se publicou o pasado martes. Ademais, salientou o interese para o sector dos fondos de coprodución internacionais IBERMEDIA e EUROIMAGE e ofreceulles o apoio do seu departamento aos produtores españois que presenten os seus proxectos a algún destes fondos.

O encontro finalizou cun interesante debate entre as representantes do organismo público e os produtores galegos no que os asistentes manifestaron diversos aspectos que preocupan áos profesionais do sector, como o actual sistema de incentivos fiscais ao cine, determinados requisitos para poder acceder ás axudas á distribución, a porcentaxe mínimo de financiamento inicial do 35% alto para certos proxectos ou o excesivo dos tramos da táboa de puntuación, entre outros.