Cluster Audiovisual Galego

Estudo de viabilidade técnica do Proxecto Galician Digital AV Delivery (DAVIDeo)

O Clúster Audiovisual Galego lidera desde o ano 2017 o proxecto Estudo de viabilidade técnica do Proxecto Galician Digital AV Delivery (DAVIDeo), no que participaron as empresas socias Adivina Producciones, Área 5.1 Factoría Audiovisual, CESGA, CTV, Formato Producciones e Producciones Audiovisuales Setemedia, e que contou co financiamento do programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI), do Ministerio de Economía, Industria y Competitividad, na súa convocatoria do ano 2017.

O obxectivo principal deste proxecto é crear un piloto para a entrega e validación dixital do produto audiovisual aos clientes da industria audiovisual galega. O enfoque do proxecto é bidireccional, xa que permite ademais o envío de ficheiros polos clientes e tamén por terceiros para favorecer a realización de procesos intermedios.

DAVIDeo céntrase na implantación do equipamento e os sistemas necesarios para a modernización dos procesos nun grupo de pemes, neste caso agrupadas sectorialmente. Trátase dun proxecto de innovación en proceso, intensivo en TFE (cloud) e dixitalización, con efecto demostrador en incorporación de TIC industrial e virtualización da industria.

Esta acción está concebida como unha primeira etapa na dixitalización da cadea de valor do sector audiovisual galego, polo que encádrase nun programa máis amplo, de longo percorrido e máis ambicioso para o sector, que consiste na dixitalización completa dos procesos de traballo na industria audiovisual galega. Finalmente, o proxecto permitirá mellorar as capacidades de crecemento nos mercados galego, estatal e internacional das produtoras do sector audiovisual así como as súas capacidades de innovación.