Cluster Audiovisual Galego

MIPCOM 2017

Clúster Audiovisual Galego está presente desde hoxe luns, día 16, nunha nova edición da feira Mipcom, na localidade francesa de Cannes, para promover e apoiar a internacionalización da industria audiovisual galega. Entre os obxectivos da entidade tamén está difundir todo o talento e a calidade de Galicia a través dos produtos audiovisuais e fomentar o seu consumo.
 
Nesta edición, acoden tamén a Mipcom as empresas socias do Clúster Audiovisual CTV, Ficción Producciones, Portocabo Tamboura Films, dentro da delegación empresarial galega promovida pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) coa colaboración do clúster, e que a completan as firmas Maruxiña Filmes, Treeline Distribution e Zenit TV. Ao mercado asisten ademais outras compañías socias como Bambú Producciones, Filmax International, Pequerrecho Subtitulación e Televisión de Galicia.
 
Durante os catros días que dura a feria, as compañías galegas terán ocasión de promocionar os seus produtos e servizos, ampliar a rede de contactos e abrir novas vías de negocio para os seus formatos.
 
Por parte das empresas do clúster, Ficción Producciones participou esta fin de semana en MipJunior coa serie de animación infantil “Tutú”, estreada en RTVE, e tamén chega a Mipcom coa miniserie “Una casa en amargura”. Pola súa parte, Portocabo leva ao mercado as series “Vidago Palace” e “Hierro” e a tv-movie “Hijos del sol”. Mentres que CTV participa coa serie “Dalia, la modista” e co formato “Camera Gags” e Tamboura Films co seu proxecto “Historias Mínimas”. En Mipcom tamén estarán títulos da Televisión de Galicia como “Hospital Real”, “O Códice”, “Urxencia Cero”, “Serramoura” ou “Peregrino”, entre outros. E de Bambú Producciones as series “Tiempos de guerra”, “Fariña” ou “Velvet Colección”.
 
Mipcom está considerado un dos mercados de contidos de entretemento máis importantes a nivel mundial, e ofrece a oportunidade de contacto con produtores, distribuidores e compradores de todos os continentes, co que favorece a internacionalización de contidos e formatos.
 
Patrocinio dun acto de Europe Creative MEDIA
 
Na presente edición, o Clúster Audiovisual Galego levará a cabo, en colaboración coa AGADIC, unha acción promocional do sector en Galicia. Desta maneira, o clúster patrocinará a “Happy hour” do Programa MEDIA en Mipcom, que terá lugar mañá, martes 17, a las 17:00 horas, no stand de Europe Creative MEDIA (P4. B1) e no 5º andar (zona bar).
 
Durante o transcurso do encontro farase unha presentación do clúster e das súas empresas, en especial das que están presentes no mercado, e proxectarse un vídeo promocional do audiovisual galego. Por parte da entidade acode a Mipcom o seu presidente, Jorge Algora.
 
Esta acción realízase dentro do Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, co apoio financeiro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Xunta de Galicia e a Unión Europea.  
 
Tanto as empresas como o Clúster Audiovisual desplegarán en Cannes un intenso labor cunha axenda na que se reforzará a rede de contactos internacionais, coa fin de xerar oportunidades de negocio para as empresas galegas.