Cluster Audiovisual Galego

IBC 2017

Catro compañías conforman a delegación do Clúster Audiovisual Galego na feira IBC 2017, que se celebrará do 15 ao 19 de setembro en Ámsterdam. Unha cita ineludible do sector da radiodifusión, a televisión e as tecnoloxías multimedia aplicadas á comunicación, onde se presentan as últimas novidades do mercado e sirve como punto de encontro para os principais actores da industria.
 
O Clúster promove, dentro da súa liña de internacionalización, a participación das empresas CTV, S.A., Intereuropa TV, S.A.Producciones Audiovisuales Sete Media S.L. TV Siete Productora de Vídeo, S.L. no IBC de Ámsterdam co obxectivo de propiciar oportunidades de negocio para o audiovisual galego.
 
Esta acción está enmarcada no Plan Estratéxico do Clúster Audiovisual Galego para o período 2014-2017 e realízase dentro do Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, co apoio financeiro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Xunta de Galicia e a Unión Europea. 
 
No IBC as empresas galegas poderán coñecer a última tecnoloxía e oportunidades nas áreas de creación, xestión e provisión de contidos de entretemento. Durante os cinco días de duración deste encontro, Ámsterdam recibe ás empresas que lideran os segmentos de radiodifusión, audio, multimedia, comunicacións por satélite, servidores, Internet, webcasting, radio, televisión e vídeo.
 
Entre as novidades deste ano, a feira IBC de Ámsterdam inaugura a iniciativa Startup Forum. O programa de seminarios e mesas redondas da primeira edición deste foro chama á participación de startups de negocios innovadores audiovisuais e dixitais, relacionados coa realidade virtual e a realidade aumentada, as redes sociais, as tecnoloxías para anuncios, intelixencia artificial,  aprendizaxe de máquinas, comercio electrónico, eSports, Apps, SEO e SEM, optimización de conversión ou seguridade.
 
En relación ao programa de Conferencias desta edición do IBC,  que se desenvolve do 14 ao 18 de setembro baixo o lema “Verdade, confianza e transformación”, un dos seus temas claves será os deportes e como conseguir aumentar o negocio televisivo a partir dun maior compromiso e fidelización dos fans. As clases maxistrais fomentarán o debate e buscarán claridade sobre a multitude de desafíos e oportunidades aos que se enfrontan creadores e agregadores de contidos.