Cluster Audiovisual Galego

Plataforma sectorial de intelixencia competitiva internacional

O Clúster Audiovisual Galego liderou desde o pasado ano a posta en marcha dunha Plataforma sectorial de intelixencia competitiva internacional. Desde o 1 de xaneiro de 2018 as empresas socias do Clúster que participan no proxecto poden coñecer as tendencias mundiais de todo tipo de formatos audiovisuais mediante o seu acceso ao servizo the Wit Fresh TV database da consultora suíza The Wit. Unha valiosa canle de información que ofrece un valor engadido para a proxección exterior dos seus negocios.
 
A plataforma é unha ferramenta útil para a internacionalización das empresas do sector audiovisual de Galicia. A través dela as produtoras teñen acceso a unha base de datos que se actualiza diariamente con novos programas e vídeos e que proporciona información dos novos formatos e contidos audiovisuais de TV estreados nuns 50 países ao longo de todo o mundo.
 
A participación na plataforma supón para as empresas o acceso a un servizo de alto valor engadido en condicións económicas vantaxosas permitíndolles incorporar  información do mercado audiovisual mundial na estratexia  da empresa.
 
O proxecto conta co apoio da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG). A súa participación, ademais de permitir o acceso da canle autonómica a toda esta información, reforza o papel da Televisión de Galicia como empresa tractora do sector audiovisual galego tamén no eido da internacionalización.