Cluster Audiovisual Galego

Delegación empresarial do audiovisual galego a IBC 2018

As compañías CTV, S.A., Intereuropa TV, e Spica, S.L. conformaron a delegación do Clúster Audiovisual Galego na feira IBC 2018, que se celebrou do 14 ao 18 de setembro en Ámsterdam. A súa presenza en IBC permitiulles ás empresas do audiovisual galego crear novas oportunidades de negocio e coñecer de primeira man as tendencias e innovacións no campo dos medios electrónicos.

Co obxectivo de promover a internacionalización do audiovisual galego, o Clúster desenvolveu así unha acción que está enmarcada dentro do Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, co apoio financeiro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Xunta de Galicia e a Unión Europea.  

IBC é unha das citas máis importantes no almanaque para a industria mundial dos medios audiovisuais. Durante cinco días, Ámsterdam recibiu ás empresas que lideran os segmentos de radiodifusión, audio, multimedia, comunicacións por satélite, servidores, Internet, webcasting, radio, televisión e vídeo. 

Neste 2018, segundo a organización, participaron na principal conferencia e exposición anual dos medios electrónicos máis de 55.000 profesionais de 170 países que traballan na creación, xestión e prestación dos medios de comunicación electrónicos e de contido de entretemento en todo o mundo. 

A zona de exhibición do IBC ocupou quince salas do RAI e albergou a máis de 1.700 expositores. Combinando unha exposición de clase mundial con áreas e eventos especialmente seleccionados, o IBC brinda a plataforma perfecta para que os profesionais alí congregados poidan establecer relacións con provedores e clientes, descubrir as últimas tendencias e tecnoloxías e impulsar as súas innovacións e estratexia. 

Ademais a Conferencia IBC, que se celebrou do día 13 ao 17 de setembro, representou un escenario único para descubrir e debater os diferentes desafíos e oportunidades que enfronta o sector, tanto a través das súas sesións como nas diferentes oportunidades de networking que ofrece. Máis de 1.700 delegados e 400 relatores en cinco días de debate de alto nivel para dar forma ao futuro da industria.