Cluster Audiovisual Galego

Delegación empresarial do audiovisual galego en Content London 2018

As compañías Ficción Producciones e Portocabo participarán esta semana en Content London 2018, o mercado de coprodución de series e contidos para televisión que arranca mañá, martes, na cidade londinense. Ambas produtoras integran a delegación do audiovisual galego neste foro, que foi promovida polo Clúster Audiovisual Galego. 

Desta maneira, o Clúster facilita a presenza de profesionais no mercado de coprodución e relatorios sobre series de TV, Content London que se celebra do 27 ao 30 de novembro en Londres. 

Esta acción enmárcase dentro do Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, co apoio financeiro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Xunta de Galicia e a Unión Europea.  

Do 27 ao 29 de novembro terá lugar The International Drama Summit, programa centrado en series de ficción que en 2017 contou cun panel sobre o mercado español, mentres que Content Futures e The Unscripted Entertainment Forum ocuparán a xornada do venres 30 de novembro.

Content London converteuse nun encontro imprescindible para a coprodución europea de televisión. Os empresarios máis importantes do sector en todo o mundo reúnense arredor de conferencias e screenings, realidade que xera un networking imprescindible para os produtores galegos que queiran internacionalizar a súa empresa pola vía da coprodución internacional para TV.